Adolf Hitler (enalemán: Adolf Hitler, [ˈadɔlf ˈhɪtlɐ] (AFI), escoitar), nado enBraunau am Inn (Austria) o20 de abril de1889 e finado enBerlín o30 de abril de1945, foi o líder doPartido Nacionalsocialista Alemán dos Traballadores (en alemánNationalsozialistische Deutsche Arbeiterpartei, NSDAP), tamén coñecido porNazi, unha abreviatura do nome en alemán (Nationalsozialistische), sendo aínda oposición aossocialdemócratas, osSozi. Hitler converteuse en chanceler e, posteriormente, ditador alemán. Era fillo dun funcionario de alfándega dunha cidade fronteiriza de Austria con Alemaña. Foi o xefe do goberno de Alemaña dende xaneiro de1933 e xefe do goberno e de Estado (Reichsführer) dende agosto de1934. Desenvolveu unha política baseada na necesidade de expansión territorial para obter o chamado "espazo vital" (Lebensraum), oanticomunismo e oantisemitismo, que tería a súa maior expresión noHolocausto.
Adolf Hitler naceu no serán do20 de abril de 1889 na vila de Braunau am Inn, a 55 km deLinz, próxima á fronteiraalemá. Era o cuarto fillo dos seis que tiveronAlois Hitler, un oficial de alfándegas, eKlara Pölzl. Adolf foi o primeiro fillo que sobreviviu á infancia; do resto dos fillos só Paula sobreviviu. En1892 a familia trasladouse aPassau,Baviera ao ascender seu pai. Xa xubilado o pai, en1895 a familia trasladouse aFischlham, unha pequena comunidade rural a 45 km de Linz, e alí Hitler comezou os seus estudos na escola local con boas notas. En1896, cando Alois, un fillo que o pai de Adolf tivera doutro matrimonio, marchou da casa, a irritabilidade do pai aumentou. En1897 a familia moveuse aLambach e Adolf asistiu a clases de canto no seu mosteiro. En1898 a familia asentouse definitivamente en Leonding, unha aldea nas proximidades de Linz. Nesa época afeccionouse ás novelas deKarl May e seguiu obtendo boas notas no colexio.
En 1900 comezou en Linz as clases no Realschule, instituto desecundaria que daba preferencia ás materias técnicas e científicas. Alí sentiuse atraído polo nacionalismopanxermanista deGeorg Ritter von Schönerer, pero escolarmente o ano foi un fracaso e tivo que repetir curso. En1903 morreu seu pai. No curso 1904 por causa das súas malas notas tivo que proseguir o instituto enSteyr e en1905 deixou os estudos e durante dous anos dedicouse a unha vida despreocupada na compaña da súa familia, asistindo a representacións de teatro ou ópera. Nesa época adquire a súa paixón porRichard Wagner.
En 1907 tentou ingresar na Academia de Belas Artes deViena, onde, debido a súa inclinación cara ó debuxo arquitectónico non foi aceptado. O21 de decembro morría a súa nai dun cáncer de peito. Hitler falará dos anos que pasou en Viena entre 1908 e 1913 como a época máis dura da súa vida. Neses anos comeza a súa teima contra dos xudeus. O diñeiro íaselle esgotando, pero negábase a ingresar no funcionariado ou aceptar un traballo en Leonding. En outubro de 1908 suspendeu por segunda vez o exame de ingreso na Academia de Viena. Dende setembro de 1909 viuse obrigado a vivir na rúa ou en cuartos baratos e en decembro de 1909 buscou refuxio no Asyl für Obdachlose, un albergue nocturno para pobres. En febreiro de 1910 trasladouse a outro albergue con mellores condicións e comezou a pintar cadros que o seu socio, xudeu, vendía nos bares, facendo algún diñeiro.
En maio de1913, logo de cumprir os 24 anos, recibiu a parte da herdanza do seu pai que lle correspondía e marchou aMúnic, quizais para eludir oservizo militar. Alí segue vendendo as súas pinturas nos bares e cafés. O18 de xaneiro de1914 a policía de Múnic detívoo a petición das autoridades austríacas por non se rexistrar para o servizo militar pero, considerado inútil para o servizo, regresou a Múnic.
Cando estoupou aprimeira guerra mundial, Hitler presentouse voluntario no exércitobávaro, dándoselle destino no 16º Rexemento de Infantaría da Reserva. Tras un período de adestramento en Múnic, o 29 de outubro o rexemento chegou aLille e ao pouco entrou en combate enBélxica. Hitler ascendeu a cabo o3 de novembro e o9 de novembro quedou asignado como ordenanza aoestado maior do rexemento coa misión de servir de correo, recibiu aCruz de Ferro de segunda clase en decembro de1915 por salvar a vida do seu comandante. En outubro de 1916 resultou ferido nunha perna e estivo hospitalizado dous meses preto deBerlín. O4 de agosto de1918 recibiu a Cruz de Ferro de primeira clase. O 14 de outubro a consecuencia dun ataque de gas mostaza quedou cego temporalmente e recibiu a nova da derrota alemá nun hospital militar.
Despois da guerra, Hitler mantívose no exército ata o31 de marzo de1920. Nunha época de revolucións en toda Alemaña, a Hitler deixoulle unha fonda impresión negativa aRevolución de Baviera, e o feito de que parte dos seus dirixentes foran xudeus afondou o seuantisemitismo, pero o certo é que Hitler foi elixido en representación do seu batallón nas eleccións que o goberno daRepública Soviética de Baviera organizou nos cuarteis.
Logo da desaparición da RSB, entre maio e xullo de1919 foi recrutado polo servizo de intelixencia do exército como V-Mann (informador) e en xuño asistiu a un curso de adoutrinamento político que daba na Universidade de MúnicKarl Mayr, este elixiu a Hitler como un dos instrutores destinados a adoutrinar politicamente os soldados destinados en Lechfeld.
O12 de setembro de1919 asistiu como informador a unha xuntanza doPartido dos Traballadores Alemáns (DAP), un pequeno partido que contaba con 50 militantes, pero diante a intervención dun separatista bávaro, Hitler tomou a palabra e o xefe do partido,Antón Drexler invitouno a afiliarse, cousa que fixo aos poucos días, aínda que é posible que tivese ordes de infiltrarse no DAP. En pouco tempo converteuse no principal orador do partido, que actuaba principalmente nas cervexarías. O 24 de febreiro de 1920 o DAP, baixo o impulso de Hitler, realizou o primeiro grande acto de masas, ao que asistiron 2000 persoas e no que se repartiu o programa do partido (feito por Drexler e Hitler), dividido en 25 puntos, e dende marzo o DAP utiliza o nome dePartido Nacionalsocialista Alemán dos Traballadores (NSDAP), o1 de agosto de1921 o NSDAP adoptou o principio de xefatura como base organizativa e Hitler como o seu líder, a militancia chega a 3.200 fronte a só 190 a comezos de 1920.Ernst Röhm converteuse no contacto de Hitler co exército e as asociacións patrióticas, substituíndo a Meyr, e converténdose no organizador do que a partir de outubro de 1921 adoptaría o nome deSA (Seccións de Asalto). Tamén foi fundamental á hora de buscar financiamento para o partido, ao que tamén contribuíuDietrich Eckart, o que resultou decisivo para mercar o xornalVölkischer Beobachter e convertelo no órgano do partido en decembro de 1921. En setembro de 1921 dirixiu persoalmente o ataque contra un mitin organizado polaBayernbund, a organización independentista dos monárquicos bávaros.Otto Ballerstedt o seu líder acudiu aos tribunais e Hitler ingresou en prisión durante un mes, entre o24 de xuño e o27 de xullo de1922. A organización de Hitler por esa época seguía sendo basicamente local, pero o20 de outubro de 1922 incorporóuselle a sección deNuremberg doDeutsche Werkgemeinschaft, o que supuxo a incorporación de 14.000 militantes a un partido que contaba con só 6.000.
A partir da toma do poder en Italia porBenito Mussolini, o28 de outubro de 1922, foise desenvolvendo dentro do NSDAP o culto ao Führer, que Hitler fomentaba. A ocupaciónfrancesa doRühr o11 de xaneiro de 1923 supuxo un aumento do ambiente nacionalista en Alemaña e aumentou a afiliación ao NSDAP, que en novembro chegaba aos 55.000 membros. No I congreso do partido, que se celebrou o27 de xaneiro, Hitler saudou pola primeira vez co brazo en alto a semellanza dos fascistas italianos. Por esa época estableceuse a colaboración co xeneralErich Ludendorff, personaxe clave da dereita nacional, que Hitler tentou utilizar no seu proveito nointento de golpe de estado do8 de novembro de1923, que en principio contaba co apoio deGustav von Kahr, o home forte de Baviera, pero a última hora retiroulle o apoio. Hitler e 600 membros da SA ocuparon o local no que estaba falando Kahr diante 3000 persoas e detivérono cos outros dous membros do triunvirato que gobernaba Baviera.Ernst Röhm co resto dos membros das SA tiñan ordes de ocupar os cuarteis de Múnic. Kahr aparentemente aceptou apoiar o golpe. Cando Hitler marchou para apoiar a ocupación do cuartel de enxeñeiros Ludendorff puxo aos membros do triunvirato en liberdade e estes aproveitaron para organizaren a resistencia e garantir a lealdade da policía e o exército ás autoridades legais.
Tras o fracaso do golpe, a policía detivo a Hitler o11 de novembro e acusouno de alta traizón. Hitler converteu o seu xuízo, que se celebrou en marzo de 1924, nun escenario propagandístico. O1 de abril o tribunal condenou a Hitler a cinco anos de cárcere, que debía cumprir na prisión deLandsberg, onde recibiu un trato de favor. Durante a súa estadía no cárcere dedicouse a ler (Nietzsche, Chamberlain,Karl Marx,Otto von Bismarck...), escribir cartas e ditar o texto da primeira parte deMein Kampf (A miña loita) aEmil Maurice eRudolf Hess. A primeira parte do libro apareceu en xullo de 1925 e a segunda parte, escrita xa cando Hitler estaba en liberdade, apareceu en decembro de 1926. Os textos antes de se publicaren sufriron múltiples correccións por, entre outros, Stolzing-Cerny eBernard Stempfle. Mentres estivo no cárcere dirixiu o NSDAP, oficialmente ilegalizado,Alfred Rosenberg. Durante a súa estadía na prisión Hitler comezou a adquirir a noción de ser o home predestinado a salvar Alemaña. O20 de decembro de 1924 Hitler foi amnistiado e comezou a reconstruír o partido, que se resentira da perda do liderado de Hitler, dividíndose en múltiples faccións rivais. O30 de abril de 1925 renunciou á nacionalidade austríaca, para evitar unha posible deportación. Durante sete anos permanecerá como apátrida.
Os anos posteriores á saída da cadea de Hitler foron anos de recuperación económica, doTratado de Locarno, doplan Dawes e do ingreso de Alemaña naLiga de Nacións. Arepública de Weimar vivía o seu mellor momento, e aínda que o27 de febreiro de1925 o NSDAP volveu ser legal, Hitler tivo prohibido falar en público en boa parte de Alemaña ata 1927 e nesa época a súa influencia na sociedade alemá era escasa, aínda que o número de militantes aumentou ata chegar aos 100.000 en 1929.
Logo de saír da cadea, Hitler distanciouse de Ludendorff, en parte polo seuanticlericalismo, e prometeu ás autoridades bávaras actuar dentro da legalidade. A resposta das autoridades foi permitir a volta á legalidade do NSDAP. Pero desta volta o refundado Partido Nazi non ía quedar restrinxido a Baviera, Hitler rompeu co resto dos partidos völkisch (nacionalistas de dereitas) e estendeu o partido polo centro e norte de Alemaña, traballo que encargou aGregor Strasser, aínda que mantivo Múnic como a sede central.
Hitler propuxo a Ludendorff como candidato á presidencia do Reich polo NSDAP, pero o resto do movemento völkish apoiou aKarl Jarres, o candidato conservador. Nas eleccións o xeneral só obtivo o 1,1% dos votos, o que supuxo a súa desaparición da vida pública, que era o que pretendía Hitler.
Tras algunhas resistencias internas, que procedían sobre todo de dirixentes do partido nacionalsocialista do norte de Alemaña, entre eles o primeiroJoseph Goebbels, na Asemblea Xeral do NSDAP do22 de maio de 1926 o liderado de Hitler saíu reforzado no seo do partido. Na Concentración do partido do 3 e 4 de xullo enWeimar (onde Hitler non tiña prohibición de falar en público) apareceron pola primeira vez asSS, e o partido converteuse nun partido centrado no seuführer. Aínda que máis pequeno que antes do golpe, internamente mostrábase moi cohesionado. O saúdo deHeil Hitler, que se viña utilizando dende 1923, fíxose obrigatorio dentro do partido en 1926, e dende ese ano Hitler escolleu oObersalzberg, unha zona illada montañosa, como lugar para descansar da vida política (posteriormente construiría alí o complexo deBerhof).
Nas eleccións ao Reichstag de 1928 o NDSAP tan só obtivo o 2,6% dos votos e 12 escanos. Diante o fracaso electoral Hitler cambiou de estratexia e comezou a mirar para as zonas rurais e á clase media do norte de Alemaña.
Coadepresión económica de 1929, que trouxo tamén o aumento das tensións políticas, Hitler e o seu partido aumentaron a súa proxección no seo da sociedade. Nas eleccións ao parlamento de Saxonia de maio de 1929 tras unha intensa campaña, na que Hitler deu catro mitins, o NSDAP conseguiu o 5% dos votos. A República de Weimar entraba nunha nova fase política co aumento da popularidade de Hitler entre a poboación alemá. En xuño,Coburgo converteuse na primeira cidade con alcalde nazi. Co afundimento da bolsa deNova York en outubro de 1929, a crise económica converteuse en depresión, e Hitler e o seu partido conseguiron atraerse a boa parte da poboación alemá, desesperada pola situación económica. Nese ano Hitler trasladou a súa residencia a un dos mellores barrios de Múnic.
Antes da celebración das eleccións anticipadas ao Reichstag, a facción de esquerdas do NSDAP dirixida porOtto Strasser deixou o partido logo das presións deJoseph Goebbels, que foi o encargado por Hitler para dirixir a campaña electoral nazi. Hitler participou en 20 grandes mitins durante a campaña con discursos baseados na procura da unidade de Alemaña para superar a crise e en ataques ádemocracia. Nas eleccións de setembro os nazis conseguiron o 18,3% dos votos e 107 escanos, pasando a ser o segundo partido de Alemaña, e Hitler unha figura coñecida internacionalmente.
En 1930 estoupou unha crise no seo das SA. Hitler encargoulle a dirección de novo aErnst Röhm a comezos de 1931 para reestruturalo. O18 de setembro de 1931 a sobriña de Hitler,Geli Raubal, apareceu morta dun tiro na casa de Hitler, onde vivía dende 1929. Había rumores de que mantiñan unha relación, aínda que nunca se demostrou, e logo da morte de Geli apareceron nos xornais especulacións de que el ordenara asasinala, aínda que o máis probable é que se suicidase.
Heinrich Brüning, o chanceler, estaba convencido de que Hitler apoiaría a reelección dePaul von Hindenburg, pero non foi así e houbo convocatoria de eleccións presidenciais en 1932, nas que Hitler presentou a súa candidatura, xa que adquiriu cunha argucia legal a nacionalidade alemá. Na primeira volta obtivo o 30% dos votos, pasando á segunda, na que obtivo o 36,8%, reforzando a súa posición nas eleccións estatais do24 de abril, converténdose o seu partido no primeiro dePrusia co 36,3% dos votos, e enAnhalt fixéronse coa presidencia. O 29 de maio Hindenburg nomeou como chanceler aFranz von Papen, que convocou novas eleccións para o Reichstag a celebrar o 31 de xullo de 1932, e uns días antes von Papen destituíu o goberno socialdemócrata prusiano, favorecendo as aspiracións electorais do partido de Hitler, que conseguiu o 37,4% dos votos e 230 escanos, converténdose no primeiro partido de Alemaña. O 6 de agosto Hitler celebrou conversacións secretas co ministro de defensa,Kurt von Schleicher, nas que esixiu a chancelería para el, pero Hindenburg rexeitou ese acordo. Von Papen pensou en disolver o Reichstag e pospoñer indefinidamente as eleccións ou en incluír o NSDAP no goberno con Hitler como vicechanceler, ao que Hitler se opuxo. Convocáronse novas eleccións para o6 de novembro. Hitler suspendeu temporalmente a súa campaña o 1 de novembro ao saber queEva Braun, a súa amante, tentara suicidarse.
Nas eleccións o NSDAP conseguiu o 33,1% dos votos e 196 escanos, unha baixada en relación aos comicios anteriores. Hindenburg nomeou novo chanceler a Schleicher, que principiou negociacións coSPD e Gregor Stasser, dirixente nazi enfrontado coa política que seguía Hitler. Pero estas negociacións fracasaron e Hitler foi nomeado chanceler o30 de xaneiro de1933 nun goberno de coalición coDNVP no que había outros dous nazis (Hermann Göring eWilhelm Frick). Convocáronse novas eleccións para o5 de marzo de1933, que se caracterizaron pola violencia das organizacións paramilitares próximas aos nazis (SA,SS eStahlhelm) nos estados controlados polos nazis, e en especial enPrusia, onde se prohibiron os mitins dos comunistas e mesmo se chegou ao asasinato de militantes comunistas, ademais de prohibir a prensa comunista e do SPD. Hitler fixo o papel de moderado, condenando os ataques de radicais contra os partidos de centro e fomentando o temor a un posible levantamento comunista. Dende o goberno, Hitler co Decreto de emerxencia para a protección do Pobo e o Estado suspendeu indefinidamente as liberdades individuais e limitou a autonomía dos länder tras a queima do Reichstag, na noite do27 de febreiro en plena campaña electoral, que atribuíu aos comunistas doKPD, o que supuxo a detención ou o exilio dos seus máis importantes adversarios, coa detención masiva de comunistas e socialdemócratas. Nas eleccións o NSDAP conseguiu o 43,9% dos votos e 288 escanos, co que a coalición de goberno obtivo a maioría absoluta. Hitler mandou deter os deputados comunistas, co que quedaron excluídos, ilegalmente, do parlamento e fíxose co control dos länder que ata entón non tiñan goberno nazi. O 22 de marzo abriuse o primeirocampo de concentración nas proximidades deDachau e o23 de marzo o Reichstag aprobou a Lei de autorización (Ermächtigungsgesetz) que lle transfería ao chanceler a capacidade lexislativa. Para a aprobar foi preciso o apoio doZentrum que a votou despois de que Hitler lle dese garantías ao seu xefe,Ludwig Kaas de respectar a liberdade e autonomía daIgrexa católica e non destituír os funcionarios que militaban no Zentrum. Posteriormente prohibíronse as centrais sindicais e o SPD e o resto dos partidos autodisolvéronse; tan só o NSDAP permaneceu como partido legal. Mentres ía desenvolvéndose en todo o país o culto ao Führer, xa non do partido, senón do Estado, como un dos fundamentos do novo réxime, o saúdoHeil Hitler! declarouse saúdo alemán e fíxose obrigatorio para os funcionarios en xullo de 1933.
O10 de setembro Hitler asinou un concordato coVaticano que lle garantía unha certa autonomía áIgrexa católica, pero fracasou no intento de crear unha organización eclesiásticaluterana centralizada controlada polo réxime. O14 de outubro Hitler retirou a Alemaña das conversas sobre o desarmamento daConferencia de Xenebra e daLiga de Nacións e convocou novas eleccións ao Reichstag, das que saíu un novo goberno enteiramente controlado polo NSDAP. En xaneiro de1934 aboliuse a soberanía dos länder. Hitler utilizou as SA para illar politicamente ao vicechanceler von Papen, pero as SA aumentaban progresivamente a súa independencia respecto ao partido e dentro delas xurdiu o culto a Röhm en detrimento de Hitler. Ademais, o exército vía con preocupación as súas pretensións de facerse co ministerio de defensa e de atribuírlles ás SA a defensa nacional. Hitler aproveitou algunhas informacións dun posible complot do seu líder Ernst Röhm e o temor a que o exército recollese as críticas que Von Papen fixera ás SA e ao propio Hitler nun discurso pronunciado o17 de xuño, naUniversidade de Maguncia, para eliminar os seus xefes na coñecida como aNoite dos coitelos longos do30 de xuño de 1934, e tamén outros líderes non relacionados coa SA morreron ese día como Gregor Strasser e o antigo chanceler Kurt von Schleicher. Röhm, que fora detido persoalmente polo propio Hitler, foi executado o1 de xullo e as SA quedaron reducidas a un órgano de instrución e de práctica de deportes militares.
O2 de agosto de1934 morreu o presidente Hindenburg e Hitler unificou a presidencia e a chancelería do Reich nun novo posto, Führer und Reichskanzler, que asumiu el. O xuramento de lealdade que prestou o exército á súa persoa tras a morte do presidente confirmou a ditadura persoal de Hitler e deu inicio a un xeito de goberno arbitrario e desordenado, baseado na persoa, que se reflectiu nas cada vez máis escasas reunións do gabinete, que deixaron de celebrarse en1938.
O13 de xaneiro de 1935 no plebiscito que se celebrou noSarre o 91% decidiu o ingreso en Alemaña. Hitler promoveu a promulgación das coñecidas comoleis de Nuremberg a fins de 1935 polos que os xudeus perdían a cidadanía alemá, prohibíanse os matrimonios mixtos e o acceso a empregos públicos aos xudeus.
En marzo de 1935 o goberno de Hitler volveu introducir o servizo militar obrigatorio, e o7 de marzo de 1936 30.000 soldados entraron enRenania, rexión ata entón desmilitarizada, coa pasividade de Francia e Gran Bretaña, nun proceso que levou á reconstrución da potencia militar alemá e que puña fin ás limitacións que oTratado de Versalles impuña a Alemaña, o que levou a popularidade de Hitler aos niveis máis altos do seu goberno.
Nas eleccións lexislativas que se celebraron o29 de marzo de 1936, a lista nacionalsocialista, a única que se podía presentar, obtivo o 98,9% dos votos. O1 de abril Hitler enviou aJoachim von Ribbentrop a Londres para ofrecerlle ao goberno británico un acordo que eliminase as tensións que provocara a remilitarización de Renania. A resposta foi negativa, pero os británicos manifestáronse a favor dun novo acordo internacional que substituíse ao deLocarno de 1925. A mellora de relacións con Italia posibilitou queAustria pasase á órbita alemá tras a sinatura dun tratado o11 de xullo de 1936.
O1 de agosto comezaron os Xogos Olímpicos de Berlín, que se converteron nun éxito propagandístico da nova Alemaña nazi. Hitler asistiu case todos os días ao Estadio Olímpico de Berlín para ver os triunfos dos atletas alemáns.
Naguerra civil española Hitler enviou homes para axudar aos sublevados dirixidos polo xeneralFrancisco Franco Bahamonde e esa guerra serviulle para testar a capacidade operativa das novas forzas armadas alemás. Contra o parecer dos diplomáticos do ministerio de exteriores alemán, que preferían reforzar as relacións conChina, o27 de novembro aprobou oPacto Anti-Comintern entre Alemaña e oXapón.
O12 de febreiro de 1938 Hitler forzou o chanceler austríacoKurt Schuschnigg, baixo ameaza de invasión militar, a permitir a entrada do líder dos nazis austríacos,Arthur Seyss-Inquart, no seu goberno. O9 de marzo o chanceler austríaco anunciaba a convocatoria dun referendo sobre a unión con Alemaña, o que precipitou os acontecementos. Hitler envioulle un ultimato no que pedía a dimisión do chanceler, Schuschnigg consultou cos británicos, e diante a negativa destes a darlle seguridade sobre o apoio británico á independencia austríaca, dimitiu. Diante da negativa do presidente austríaco a nomear o líder dos nacionalsocialistas austríacos chanceler, Hitler ameazou coa invasión militar, e aínda que o presidente acabou cedendo, realizou a invasión do exército alemán, sen ningunha resistencia austríaca. AAnschluss (unificación con Alemaña) materializouse o12 de marzo coa entrada de Hitler en Viena e finalmente, o13 de marzo, Austria converteuse nunha provincia do Reich. Tras a incorporación de Austria intensificou a presión sobre o goberno deChecoslovaquia coa escusa de defender os dereitos da minoría alemá dosSudetes, o que conduciu ao acordo de Múnic entre Alemaña, Gran Bretaña, Francia e Italia no que se acordou a incorporación dos Sudetes á Alemaña. Aínda así Hitler ordenou entrar enPraga o10 de marzo de1939 e proclamou oProtectorado de Bohemia e Moravia.
Hitler comezou a reclamar os territorios que Alemaña cedera aPolonia como consecuencia do Tratado de Versalles e o23 de agosto de1939 Alemaña e aURSS asinaban un pacto secreto de non agresión, no que acordaban a repartición de Polonia. O1 de setembro de 1939 o exército alemán entrou en Polonia. O Reino Unido e Francia, que tiñan tratados de asistencia mutua con Polonia, declararon a guerra a Alemaña, comezando asegunda guerra mundial. En abril de 1940 ordenou ao exército alemán ocuparDinamarca eNoruega, en maio ordenou o ataque sobre Francia, conquistando osPaíses Baixos,Luxemburgo eBélxica no proceso. Francia rendeuse finalmente o 22 de xuño de 1940. Esta serie de vitorias convenceu ao seu principal aliado, Benito Mussolini de Italia, a entrar na guerra do lado de Hitler en maio de 1940.
O Reino Unido, que evacuara as súas forzas dendeDunquerque, continuou a loitar en solitario naBatalla do Atlántico e Hitler ordenou atacar por aire ás illas Británicas na que se coñeceu comobatalla de Inglaterra, un preludio da planeada invasión alemá.
O22 de xuño de1941 Hitler deu a orde de atacar a Unión Soviética, o que supuña a ruptura do pacto de non agresión que asinara conStalin, o que supuxo a conquista dos estados bálticosBelarús eUcraína. O exército alemán detívose ás portas deMoscova, en parte pola dureza do inverno e a falta de equipamentos para soportalo e pola resistencia do exército soviético. Xunto coa derrota enStalingrado supuxo o maior revés do exército alemán e un punto de inflexión cara á vitoria dos aliados que culminaría en maio de 1945 coa toma conxunta de Berlín polos exércitos dosEEUU,Francia e aURSS.
Weinberg, Gerhard (1970).The Foreign Policy of Hitler's Germany Diplomatic Revolution in Europe 1933–1936. Chicago, Illinois: University of Chicago Press.ISBN978-0-226-88509-4.
"Hitler and his officers".World War II Movies in Color. WW2inColor. Arquivado dendeo orixinal o 26 de novembro de 2005. Consultado o 04 de maio de 2013.